ilustración
Bos días, amigos.
Xa están publicadas as novas bases do programa “Ler conta moito” da Xunta de Galicia. Un programa de dinamización da lectura para bibliotecas públicas.
Este ano teño unha nova actividade/obradoiro no catálogo:
Ilustración e Mindfulness
Esta actividade mestura a ilustración co Mindfulness. O Mindfulness, ou conciencia plena, é un concepto que provén do budismo pero que está de actualidade na nosa sociedade. Nun mundo cheo de stress e présas convén deterse un pouco e respirar. Está demostrado que a combinación da arte co Mindfulness produce efectos positivos no organismo, nas nosas emocións, creatividade e benestar.
Está destinada a varias franxas de idade:
-nenos de 5 a 12
-mocidade.
-adultos.
O enlace AQUÍ
Déixovos un bosquexo de Quetzalcóatl.
Estou en pleno proceso de escritura do sexto volume dos Megatoxos, e, ao ser escritor e ilustrador, ás veces levo os dous traballos en paralelo.
Aquí está rematada a ilustración de cubertas e solapas da miña próxima novela: Horizonte de sucesos. É un luxo poder ser o deseñador e ilustrador do meu propio libro, xa que a imaxe ten unha estreita relación co que acontece na historia. E iso sen contar que na novela o protagonista está realizando este mesmo debuxo.
O máis curioso é que todo isto sucedeu sen que me decatase de que este ano se celebra o aniversario da morte de Jheronimus Bosch (o Bosco). Como se pode apreciar, a ilustración está baseada no famoso cadro “O xardín das delicias”, en concreto na sección do tríptico onde se reflicte o inferno. Na miña versión intercambio e adapto os elementos para reflectir as vivencias do protagonista. Unha historia baseada en feitos reais.
Xa vos contarei máis
Do 11 de decembro ao 4 de xaneiro pódese visitar o Salón do libro infantil e xuvenil de Madrid no Centro Conde Duque. Este ano, participo na mostra de ilustradores organizada pola APIM, xunto a outros grandes colegas de profesión co lema “Platero é…”
Máis información: Salón do libro
Mañá pola noite sobre as 9:30, participarei nun evento de ilustración similar ao Pechakucha. Falarei dunha colección nova de libros na que estiven traballando: O xardín de Alethea para a editorial Oxford University Press.
Celebrarase en Vigo, no local “Detrás do Marco”.
Espero vervos por alí e que nolo pasemos moi ben neste formato tan interesante.