Anxo Fariña

Nacín en Vigo, unha cidade bañada polo océano Atlántico en cuxa Ría repousan as Illas Cíes. Paradoxalmente, aprendín a camiñar moi lonxe de alí, a máis de dous mil metros de altura nos Pirineos, pois sempre me encantaron as montañas, gusto que comparto coa miña familia. Hiperactivo, soñador, inquieto… ilustrei o meu primeiro libro con once anos. Con catorce anos tiven que poñerme a traballar, mais seguín estudando para acadar o meu soño e chegar á universidade para facer Belas Artes. Neses anos, fun traballador vertical, montador de espectáculos, monitor de campamentos, profesor de patinaxe, profesor de pintura, guía de montaña e axudante nun centro de acollida de menores. Este último traballo cambiou para sempre o meu xeito de ver a vida, pois alí aprendín que as miñas historias podían facer felices aos demais, incluso a aqueles nenos con tantos problemas. Antes de rematar a carreira, comecei a colaborar cunha axencia de publicidade e pouco tempo despois publiquei o meu primeiro álbum como escritor e ilustrador.

Cincuenta e dous libros escritos despois (entre eles a famosa saga dos Megatoxos), teño viaxado por medio mundo, escalei unha chea de paredes e montañas, gañei algúns premios como o Merlín ou o Frei Martín Sarmiento pola Chave da Atlántida, desenvolvín ideas sobre a creatividade, deseñei proxectos nos que participaron milleiros de escolares e din moitas, moitas, charlas e conferencias.

Inspírame a vida e estar sempre en movemento. Gústame escribir mentres tomo un bo café, correr, o deseño, aprender, ler, os reloxos, a montaña e debuxar con música de Frank Sinatra.